Un lóstrego bate enriba de Domènec, o poeta-labrego, que morre 
	de inmediato. O lapso fugaz entre a vida e a morte marca 
	esta historia de historias na que se mesturan pasado, presente 
	e futuro; onde conviven realidade e ficción, historia e mitoloxía. 
	«Canto eu e a montaña baila» é unha novela coral na que toman 
	a palabra mulleres e homes, nubes e fungos, osos e cervatos 
	que habitan entre Camprodon e Prats de Molló. Nesta zona 
	do Pirineo catalán consérvase a memoria de séculos de loita 
	pola supervivencia, de persecucións e de guerras fratricidas. 
	Mais encarna tamén unha beleza propicia para liberar 
	a imaxinación e contar historias; onde comezar de novo e acadar 
	unha certa redención.